13 octubre, 2007

Nota enviada polo Movemento polos Dereitos Civís


Os dispositivos, instalados na Praza do Corgo, unha das máis céntricas da localidade pontevedresa, están sendo vixiados por traballadores do concello

O Movemento polos Dereitos Civís tivo coñecemento na tarde de hoxe de que o concello do Grove instalou varias cámaras de videovixiancia que controlan a xente que pasa pola Praza do Corgo, unha das máis céntricas da localidade, durante a festa do marisco, que se está a celebrar nestes días. Os dispositivos foron instalados de xeito puntual para a ocasión, operación que é ilegal ao igual que que estea controlados por traballadores do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) e non por membros da Policía Local.

O concello di que son cámaras legais porque non gravan son e están enfocadas a dentro da carpa, obviando que esta está situada na Praza do Corgo, pola que pasan milleiros de persoas que se achegan ao Grove nestas datas. Por outro lado, tampouco existe ningún cartel que informe sobre a colocación das mesmas aos cidadáns que até alí se achegan.

Segundo di a Lei de Videovixancia as entidades que queiran colocar cámaras teñen que solicitar un permiso previo á Comisión de Garantías de Videovixiancia, dependente da Delegación do Goberno. Na súa solicitude debe constar exactamente o punto da súa colocación así como que é o que van a estar gravando. Como se pode observar neste caso, a colocación é ilegal posto que non pode ser nin de xeito puntual nin gravar un espazo público sen unha razón aparente.

Ante estes feitos, o MpDC dirixirase ao concello do Grove para solicitar unha explicación da colocación destes dispositivos de videovixiancia así como os correspondentes permisos. Por outro lado, tamén se dirixirá á Delegación do Goberno e á Axencia Española de Protección de Datos explicando os feitos e presentando a denuncia pertinente.

Tamén queremos solicitar, dende Dereitos Civís, a todos os cidadáns que se acheguen nestes días ao Grove que se dirixa ao concello para solicitar unha explicación de por que están a ser gravados e presente unha queixa por atentar contra o noso dereito de intimidade e da propia imaxe. Cada día vemos como son máis as entidades locais que, baseadas nun descoñecemento da normativa, instalan cámaras sen motivo aparente só como ferramenta política de intentar mostrar que se preocupan pola seguridade cidadá. Deste xeito obvian que as cámaras non van conseguir frear os índices de delincuencia e si atentar contra os dereitos de milleiros de inocentes que quedan alí rexistrados sen cometer ningún delito.